domingo, 25 de febrero de 2018

ASESINATO EN EL ORIENT EXPRESS: 30 DE XANEIRO




O martes 30 de xaneiro celebramos outra xuntanza do club de lectura dos senior. Non houbo moita asistencia nesta ocasión, así que aproveitamos que lucía o sol para saír un chisco da biblioteca. Concordamos todos en que a novela tiña moito de teatralidade, tanto nos diálogos, como na disposición de escenarios. De feito, o espazo ideal dun tren do que ninguén pode entrar nin saír é moi semellante, precisamente, a unha obra teatral tamén de Agatha Christie titulada "The mousetrap" ("A rateira"). Nesta ocasión, a convivencia durante tres días de xentes moi diversas "préstase para unha novela", tal e como indica ironicamente o propio dono da empresa do ferrocarril, Monsieur Bouc. Tamén nos chamou a atención a abundancia de efectos teatrais, como a conversación inicial, ou o reloxo roto que marca a hora exacta da morte.
As nosas lectoras salientaron que lles pareceu un final previsible. Eu lembro que a min no mo pareceu en absoluto cando lin a novela por primeira vez (hai xa uns cantos anos). Pero si estivemos de acordo no tema fundamental da obra, que o propio Poirot formula directamente: debemos acatar a lei ou é admisible nalgunhas ocasións a vinganza persoal?
Entre outras cousas que se nos viñeron á mente, foi o recordo do rapto (e asasinato) do fillo dos Lindbergh, que aconteceu dous anos antes da publicación da novela. Seguramente influiu na concepción da mesma, dado que foi un dos crimes máis publicitados do século XX. E tamén comentamos que hai un capítulo de dúas series baseados na obra de Agatha Christie: un de "Doctor Who" e outro de "Los misterios de Laura".




No hay comentarios:

Publicar un comentario