miércoles, 31 de mayo de 2017

GRANDES ESPERANZAS: CLUB DE LECTURA


E rematamos con Dickens o Club de Lectura dos veteranos. Con pouca afluencia nesta ocasión, pero con moi interesantes reflexións e achegas. Falamos das personaxes que máis nos impactaron por un motivo ou por outro: a señorita Havisham e Estella, o señor Jagger, Wemmick e Magwitch, Joe e Biddy... e por suposto Pip, o protagonista desta novela de aprendizaxe e de arrepentimento.

Sen dúbida, o mellor da novela son os personaxes. E o peor pareceunos esa sensación de folletín (lóxica, se temos en conta que se publicou no seu día por entregas). E de aquí pasamos a falar dos cliff-hanger, ese recurso narrativo que aparece normalmente ao final dun capítulo para manter aos lectores en suspense ata que lles fose "subministrada" unha nova entrega.

Tamén comentamos que, se cadra, hoxe Dickens escribiría en Wattpad, esa aplicación que permite compartir historias con outras persoas, na que publican libremente tanto autores coñecidos como descoñecidos e que a moitxs dxs nosxs alumnxs tanto lles gusta. E, como unha cousa leva  á outra, rematamos aprendendo sobre o fenómeno do "fanfic" ou "ficción de fans", é dicir, os relatos escritos por forofos dun libro, película, serie... nos que retoman situacións, personaxes ou entornos descritos na obra orixinal para continualos desenvolvendo pola súa conta. Isto, que parece moi moderno, en realidade vén sendo o mesmo que xa fixo, alá polo 1614, un tal Avellaneda co "Quijote" de Cervantes. Pero, en todo caso, sempre dá gusto seguir aprendendo grazas aos membros máis fieis do noso club de lectura.

Houbo tamén recomendacións para o verán: Christian propuxo "El hombre de arena" de Lars Kepler; Paco algunha obra de Patricia Highsmith,... Calquera delas segura que nos vale para inaugurar as xuntanzas do curso que vén.









No hay comentarios:

Publicar un comentario